O Pontevedra envellece en barrica de prata. Hoxe cúmprense 70 anos do seu nacemento e os pioneiros foron recordados. Toda a gloria da institución reluciu nun acto no que destacaron membros, dirixentes e deportistas de todas as etapas da entidade.
Foi unha continua homenaxe aos marabillosos anos dun club que calou fondo na cidade, en Galicia, recoñecido en España e incluso mencionado alén dos mares e as montañas.
Un club humilde, resultado da fusión dos dous conxuntos que actuaban entón na capital, o Afonso e o Eiriña, intentaba sobrevivir aos tempos nunha etapa complexa, en plena posguerra de penurias, fames e enfermidades. Aquelas dúas institucións, unha de corte monárquico e outra de vocación popular, arrimaron os seus ombreiros para sobreporse á dolorosa situación económica que asediaba tanto a Pontevedra como a España (aquilo si era unha crise).
No mesmo lugar no que se asinou a acta fundacional e reuníronse os protagonistas da fusión (con José Soto Martínez e Fernando Ponche á cabeza), os actuais dirixentes quixeron rememorar os grandes momentos da entidade, entre aplausos, sorrisos, un baño de multitudes e algunha que outra bágoa de recordo para os que foron importantes e estano vendo desde o alto.
O momento cume foi a homenaxe ao futbolista máis representativo da historia do Pontevedra, Eduardo Dapena Lis, Cholo. A súa traxectoria é resumo e exemplo do que foi o seu equipo. Foi o único que viviu os tres ascensos máis soados da historia da entidade: o primeiro a Segunda División, en León, e os dous a Primeira División.
