O Pontevedra C.F. reacciona pero non namora

A Copa Federación ten nome de ingrediente secundario, eslamiado e descafeinado. A Copa Federación é a última proba antes do comezo da liga, un banco no que medir evolucións e sensacións antes de comezar a tempada de verdade, pero nada máis. E esta verdade resta valor á oferta futbolística que pousa nas súas vitrinas.

Do Pontevedra – Ourense, no que o equipo de casa exerceu como tal e acabou remontando, só se poden extraer conclusións relativas ás condicións técnicas e o momento de forma dalgúns futbolistas. E a iso irá Milo Abelleira, que suma á súa lista de baixas a Caco, que recibiu un forte golpe no xeonllo ao cuarto de hora e debeu retirarse malferido, cando estaba a ser do mellor do seu equipo, atrevido, desmelenado, posuído, quizais, pola forza do brazalete de capitán.

Milo realizou algunhas operacións curiosas e extravagantes, desconsolado pola falta de acerto de Sidibe no centro do campo. O burkinés percorre metros con tanta velocidade como ineficacia e padece de certa torpeza no golpeo de balón que acabou esixindo unha rotación na media cando o Pontevedra debeu ir a polo partido, tras encaixar o 0-1.

Hugo Santomé cumpriu, a pesar da súa mocidade, no centro da zaga e Suso, que xogou de todo, achegou carácter e momentos de calidade en todas as partes do campo, incluído o centro, onde o desterrou Milo, tras darse de conta de que David Pérez é máis un fondista do balompé que un estilista da media.

Os artificios con Suso e David chegaron no segundo acto, na recomposición do equipo. A primeira metade puxo de manifesto dificultades granates á hora de combinar o coiro. Logo dun esperanzador cuarto de hora inicial, o equipo desesperouse e matou o virtuosismo vivindo dos balóns longos.

Como consecuencia, o Ourense creceu, fixo aparecer en escena a Amilton e acabou póndose por diante no tanteador. O seu extremo dereito, curmán do piloto de Mclaren por apelido, velocidade, brutalidade e cor de pel, chegou á área con determinación centrou coa imprecisión suficiente para que Adrián Laureda despexase defectuosamente e habilitase a finalización de Eder en boca de gol.

Co 0-1 á media hora, o Ourense controlou ata o final do primeiro acto e incluso puido sentenciar se Amilton tivese certeza na súa cabeza tras un centro perfecto de Claudio Giráldez.

O feito é que o PCF cambiou tras o descanso. O adestrador pontevedrés apelou á heroica con todos os seus cambios de debuxo e sistema, nos que Sidibe e un valente Douglas foron sacrificados, e os réditos chegaron en forma de dominio e ocasións.

Logo de varias accións con Manu Barreiro como protagonista, chegou a igualada dos pés de Yago. O vigués aproveitou un balón interior dividido para estar hábil e listo e anticiparse a Pablo na súa saída. 1-1.

A igualada sería o máis xusto, pero co encontro aberto a resposta final correspondía ao Pontevedra. Unha falta sobre Manu Barreiro no pico da área foi executada por Gonzalo, outro dos destacados, con tanta fortuna que golpeou na barreira e desviou a traxectoria o suficiente como para volver tolo a Pablo e dar a vitoria ao Pontevedra.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.