A afección do Pontevedra C.F. está a responder á chamada do club na campaña de captación de socios. Cando se cumpriron tres semanas e quedan máis de dúas para o comezo da competición a entidade granate xa conta con case un milleiro de carnés retirados.
A maioría dos socios son renovacións, aínda que tamén se produciu algunha alta nova, segundo confirmaron este xoves fontes próximas ao club pontevedrés.
Estes datos son moi prometedores porque son moi semellantes aos da pasada tempada a estas alturas do verán, pero coa circunstancia de que naquel entón o conxunto granate estaba en Segunda B e aspiraba a disputar a fase de ascenso a Segunda A, competición que viña de xogar.